Porto do Son celebrará, un ano máis, o seu tradicional Entroido que durará desde o 14 ata o 18 de febreiro e no que se repartirán 3.775 euros en premios.
A festividade dará comezo o sábado 14, a partir das 17:00 h, c o concurso infantil de disfraces que organizarase en tres categorías: individual, parellas e grupos. A xornada estará marcada pola música, a diversión e contará co minipasarrúas, que irá desde Praza España á carpa da fachada marítima coas nenas e nenos concursantes. Juan de Troula será o encargado de presentar o certame. No caso de choiva a xornada celebrarase no pavillón de Santa Irene.

Un día despois, o domingo 15, celebrarase a foliada choqueira, chocolatada e filloada en Porto do Son, organizada en colaboración coa da veciñanza de Porto do Son e das parroquias. Como novidade, este ano tamén haberá chocolate quente apto para persoas veganas, alérxicas ou intolerantes ao leite ou derivados.
Ás 17:30 h, a carpa da fachada marítima acollerá a foliada coa A.F. Chorimas e coa B.M.T. Suevia onde todas as persoas que o desexen poderán levar a súa ferramenta para participar.

Paralelamente, celebrarase a Festa da Filloa , organizada en colaboración coa veciñanza de Portosín, das parroquias e da Asocación de empresarios de Portosín. A cita terá lugar na carpa da praza do Curro, a partir das 17:30 h.

O luns, 16 de febreiro, a partir das 17:00 h, terá lugar o concurso de adultos de disfraces que organizarase en tres categorías: individual, grupo e comparsas. A xornada volverá estar marcada pola música, a diversión e contará co pasarrúas, que irá desde a Casa da Cultura á carpa da fachada marítima coas persoas concursantes. Tamén terán lugar as actuacións ‘Sweet Candy’ de Pablo Méndez e da Comparsa Os Solfamidas na Carpa. Todo isto presentado por Juan de Troula que será o encargado de elixir o xurado popular ante o público asistente. No caso de choiva a xornada celebrarase no pavillón de Santa Irene.

O martes de Entroido, 17 de febreiro, haberá inchables desde as 16:30 ata as 20:30 h no polideportivo Santa Irene.

Para rematar a programación, o mércores de cinza, 18 de febreiro, celebrarase o Enterro do Felipiño, cando a partir das 19:30 h sairá o Acompañamento do Defuntiño desde a Casa da Cultura de Porto do Son.

As persoas interesadas en participar nos concursos de disfraces poderán inscribirse, ata o vindeiro 13 de febreiro, de xeito presencial no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal. As bases e os formularios de inscricións poderán descargarse a través da páxina web do Concello. Non se admitirán inscricións fóra de prazo, nin se realizarán inscricións a pé de concurso.
Máis de 3.700 euros en premios
Para ambos os dous concursos establécense premios que ascenden a 3.775 euros distribuídos da seguinte maneira:
– Grupo Infantil: 150 € (1º premio), 75 € (2º premio), 50 € (3º premio).
– Parellas Infantil: 100 € (1º premio), 60 € (2º premio), 40 € (3º premio).
– Individual: 70 € (1º premio), 50 € (2º premio), 30 € (3º premio).
– Raíña: 100 € e Rei: 100 €
– Comparsas adulto: 800 € (1º premio), 500 € (2º premio), 300€ (3º premio).
– Grupo adulto: 500 € (1º premio), 300 € (2º premio), 200 € (3º premio).
– Individual adulto: 200 € (1º premio), 100 € (2º premio), 50 € (3º premio).

