O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, xunto a membros do goberno local, recibiron hoxe á delegada da Xunta de Galicia, Belén do Campo, onde se levou a cabo a presentación dun vehículo destinado á recollida e traslado de vertidos incontrolados ao punto limpo municipal.
A actuación realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) non competitivo, cun investimento da Xunta de 74.000 euros, o 100% do orzamento, co obxectivo de apoiar ao concello na súa tarefa de garantir unha xestión responsable dos residuos.
A delegada subliñou que “todos os residuos incontrolados constitúen unha agresión ao medio ambiente e á saúde pública, polo que é fundamental que as administracións continuemos colaborando para eliminar este tipo de puntos e fomentar o comportamento responsable da cidadanía”.
O Concello de Porto do Son vén desenvolvendo nos últimos anos diversas actuacións para preservar o seu entorno natural, como a recollida gratuíta de voluminosos e a retirada de residuos eléctricos e electrónicos (RAEE). A pesar da boa acollida destes servizos, persisten casos illados de vertedoiros ilegais, motivo polo que a adquisición deste novo vehículo permitirá reforzar a resposta municipal e actuar con maior rapidez e eficacia.
Durante o acto, o rexedor agradeceu a “predisposición constante da Xunta para chegar este tipo de acordos que son fundamentais”, así como tamén quixo poñer en valor “o compromiso do ente autonómico co desenvolvemento sostible, solidario e respectuoso coa contorna, apoiando aos concellos galegos na preservación do seu medio ambiente”. Pola súa banda, do Campo puxo en valor a cooperación entre administracións como “peza clave para avanzar na protección do patrimonio natural galego”.
Na comarca do Barbanza, a contía destas axudas ascende a 520.000 euros, repartidas entre 10 concellos de A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro, Rianxo, Lousame, Mazaricos, Outes, Porto do Son, Muros e Carnota.
“Os concellos son as administracións que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades, e por iso desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”, destacou a delegada.
Axudas taxis
A visita da representante do Goberno autonómico tamén serviu para animar aos taxistas a solicitar as axudas para a adquisición de taxis adaptados á mobilidade reducida, de baixas emisións ou eléctricos que contan cun investimento de 500.000 euros na convocatoria para 2026. Nesta mesma visita, a comitiva comprobou o novo vehículo adaptado adquirido por un taxista sonense.
Belén do Campo explicou que con esta orde o Goberno galego consolida unha liña de apoio dirixida ao sector do taxi e orientada a mellorar a súa modernización e a súa competitividade. Ao mesmo tempo, contribúe a garantir a mobilidade sostible e a favorecer un transporte público accesible.
As solicitudes poden presentarse de maneira telemática a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal). O prazo rematará o 14 de outubro de 2026 ás 20,00 horas.




