Obras|

O alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por membros do goberno local, recibiron hoxe á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, para presentar a nova senda na AC-550, que permitirá conformar un itinerario seguro e continuo ao longo de 6km en O Porto do Son.

A aprobación deste proxecto de trazado publícase hoxe no Diario Oficial de Galicia, e na que se investirán 2,7M€, financiados con fondos FEDER.

Así, habilitaranse dous treitos principais de senda entre Linteiros e Quintáns, que conectarán coas beirarrúas existentes e con treitos antigos da estrada para conformar un itinerario seguro. O primeiro treito da nova senda estenderase ao longo de máis de un quilómetro entre Linteiros e A Gafa, mentres que o segundo, de 2,3km, irá desde a zona urbana de Freixedo ata o tanatorio de Campo de Prado.

A senda terá 2 metros de ancho, salvo en puntos singulares e permitirá, sumada aos tramos existentes,  conformar un itinerario seguro e cómodo para os desprazamentos de veciños e visitantes ao longo de seis quilómetros desta estrada autonómica, desde o límite con Noia a Quintáns.

A intervención incluirá actuacións singulares, como as pasarelas que se executarán sobre os ríos Hornanda e Quintáns, así como a mellora da accesibilidade de 6 paradas de autobús. A nova senda facilitará o acceso ás praias situadas paralelamente a esta estrada (como a das Gaivotas, as de Pozo e Langaño, e a de Aguieira), xa que conectará directamente con camiños ou viarios de acceso a estes areais.

Tras a presentacion, o rexedor sonense agradeu “a permanente disposición da Xunta, e sobre todo neste caso para facer realidade esta actuación tan demandada no noso municipio e que permitirá mellorar a seguridade peonil nunha estrada con elevada intensidade de tráfico”.

Pola súa bande, Allegue destacou que, unha vez aprobado xa definitivamente este proxecto de trazado e publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Xunta avanza na supervisión do proxecto construtivo, para a próxima licitación das obras neste ano. Terán un prazo de execución de 14 meses.

Unha vez que estea rematada, xunto aos outros seis quilómetros de itinerarios xa executados polo Concello, serán un total de doce os quilómetros de traxecto seguro nesta estrada no municipio de Porto do Son.

A conselleira enmarcou esta actuación na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable a través destes itinerarios, un dos eixos do compromiso en infraestruturas, xunto ao investimento para sumar cada ano novos km de estradas de altas prestacións e o destinado ao mantemento e conservación da rede viaria. “Pero temos como eixo principal a seguridade dos colectivos máis vulnerables nas estradas, os peóns”, indicou. Neste senso, destacou que a execución destes itinerarios a través do plan de sendas tamén contribúe “a embelecer os noso concellos” .

Comments are closed.

Close Search Window