Maiores i dependencia, Benestar social e igualdade|

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou onte un proxecto de residencias de maiores que “permitirá crear 1.800 novas prazas” a través de 25 novos centros. Deste xeito, incrementarase a oferta actual de prazas residenciais en Galicia e a previsión é xerar un milleiro de postos de traballo.

Estes novos centros estarán distribuídos en concellos de menos de 25.000 habitantes que ata o momento non dispoñen de prazas residenciais públicas para persoas dependentes (grado II e III), coa finalidade de procurar a máxima cobertura e achegar estes recursos á cidadanía. Este proxecto desenvolverase mediante unha fórmula de colaboración público-privada na que a Xunta garante que “como mínimo o 60% das novas 1.800 prazas sexan de titularidade pública autonómica”.

En concreto, na provincia da Coruña as novas residencias situaranse nos seguintes ámbitos: na zona Noia/Barbanza, o centro principal estaría no Porto do Son e o de menor tamaño en Outes.

Tras o anuncio, o alcalde de O Porto do Son, Luis Oujo, agredeceu “a disposición da Xunta para poder facer realidade unha gran demanda” e destacou que “para o bo ou para o malo, a poboación cada vez está máis envellecida e agora hai moita necesidade deste tipo de instalacións”.

O Concello do Porto do Son dispón dun terreo público de 14.000 metros cadrados situados fronto ao centro de día, “que está entre Portosín e O Son, cerquiña da estrada. Ten unha localización espectaucular, queda ao lado da praia de A Aguieira, que é un sitio estupendo para pasear por aí coas pasarelas ou ir ata o areal”, destacou rexedor.

Para rematar, Oujo recoñeceu que, “como alcalde, levo moito tempo recollendo as peticións da veciñanza máis maior lque sempre piden contar cunha residencia aquí para non ter que irse fóra e agora, con este proxecto, está máis cerca de ser unha realidade”.

Comments are closed.

Close Search Window
↑