O Concello de Porto do Son impulsa a II Mostra de Teatro, que achegará ao municipio sete obras de gran nivel entre outubro e novembro.
As actuacións terán lugar na Casa da Cultura de Porto do Son ás 21:00 horas.
A estrea será o 18 de outubro con ‘Vicio houbo sempre’, unha proposta de narración oral para público adulto na que Atenea García presenta historias de vida recollidas a mulleres que xa cumpriron 80 anos. Nelas falan de desexo, pracer, sexualidade… A peza fala do amor e da vida que sempre houbo.
A mostra continuará o día 25 de outubro con ‘Golpes’, de aAntena, que conta a vida de Pamela, unha rapaza que narra a súa historia e o que aprendeu dunha relación que non debeu vivir.
O 1 de novembro será a quenda de ‘Cabaré Climático’, unha proposta de Gallaecia Eventos coa que o público rirá, bailará e, sobre todo, reflexionará.
O día 8 de novembro a obra ‘Máis saaabor!’, de Culturaactiva, encherá a Casa da Cultura de risas. Trátase dunha proposta cómica, para público infantil e familiar, que xira arredor do mundo da gastronomía e a alimentación saudable. Mestura música en directo, maxia, humor, ritmo e a participación do público.
A seguinte obra será ‘Un Deus Salvaxe’, de Talía Teatro, que poderá verse o día 15 de novembro. Nela cóntase a historia de dous matrimonios, adultos e civilizados que deben resolver un invidente protagonizado polos seus fillos pequenos: un deles partiulle dous dentes ao outro nunha pelexa no parque. Nada que uns pais civilizados non poidan resolver.
A seguinte será unha proposta moi especial, “feita na casa”, polo grupo de teatro musical de Porto do Son Mimarte, que presentará a súa obra ‘Nais en apuros’ o 22 de novembro.
A compañía Malasombra será a encargada de pechar a Mostra de Teatro coa súa obra ‘D.E.P’, unha comedia na que se amosa con moito humor o egoísmo, a mentira e o engano entre irmáns ante o reparto dunha herdanza.
As propostas ‘Vicio houbo sempre’, ‘Golpes’ e ‘Nais en apuros’ poderanse ver completamente de balde. As entradas para as demais obras poderán adquirirse a un prezo de 4 euros a partir do 14 de outubro na Oficina de Cultura, de luns a venres, en horario de 8:00 a 15:00 horas, ou previo á función. Só se acepta tarxeta bancaria.


