Obras|

O Concello de Porto do Son vén de finalizar as obras de mellora na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Xuño, unha actuación financiada pola Deputación da Coruña a través do POS+ Adicional 2/2022 cun investimento total de 93.593 euros.

Os traballos realizados consistiron na substitución do sistema de bombeo existente por outro de iguais prestacións en canto á capacidade de impulsión, pero máis axeitado á xeometría e ao espazo dispoñible. Ademais, procedeuse á instalación dun depósito semisoterrado.

A actuación incluíu tamén unha mellora importante en relación á automatización e ao control da planta coa instalación dunha estación remota de telecontrol, que comunica os dispositivos de automatización local cos sistemas remotos. Incorporouse tamén un sensor de detección de alivios e unha sonda de osíxeno.

Ademais, renovouse a caldeiraría en aceiro inoxidable, dotándoa da valvularía necesaria para o correcto funcionamento da instalación e o seccionamento das conducións, de maneira que se poidan retirar as bombas para reparación e/ou substitución sen interromper o servizo.

O cadro de bombeo quedou preparado para dúas bombas, arrancadores, seccionador de corte en carga xeral, proteccións eléctricas magnetotérmicas para cada bomba, protección contra sobretensións e cableado e un servizo de alarma vía SMS.

Comments are closed.

Close Search Window