O Concello de Porto do Son vén de rematar as obras correspondentes á Fase 3 do proxecto de Mellora eficiente da iluminación pública, que abranguen as parroquias de Baroña, Caamaño, Xuño, Noal, Nebra, Goiáns e Miñortos.
Este proxecto, cun investimento total de 505.143 euros, permitiu o cambio de 1.050 puntos de luz co obxectivo de mellorar a eficiencia enerxética, reducir o consumo eléctrico e ofrecer unha iluminación máis sostible.
A actuación foi financiada de maneira conxunta co Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) a través do programa DUS 5000, cunha achega de 429.371 euros. Os restantes 75.771 euros foron achegados polo Concello.
Os traballos consistiron na substitución de luminarias antigas por novas de tecnoloxía LED, a instalación de 16 novos centros de mando e a renovación doutros 25 existentes, ademais da implantación dun sistema de xestión remota en todos os centros de mando. Tamén se acometeu a mellora das conexións a terra e a renovación do cableado.
Con esta actuación, acádase máis dun 80% de luminarias LED en todo o territorio municipal, o que supón un aforro enerxético mensual estimado do 70 %.

