Cultura, ocio, tempo libre|

O alcalde, Luis Oujo, recibiu á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, para visitar as obras de mellora na escola infantil pública autonómica de Porto do Son, na que Xunta de Galicia investirá preto de 50.000 euros.

As obras, que contratará e executará o concello, consistirán na instalación dun novo sistema e climatización, na dotación de novos módulos de almacenamento e na colocación dunha nova cancela no vestíbulo da entrada. Ademais, procederase á limpeza e pintado das fachadas exteriores do centro.

O rexedor agradeu “esta achega e a disposición permanente da Xunta para financiar estas actuacións que son tan importantes para o noso municipio. Cando rematen estas obras, os nosos pequenos e pequenas e todo o equipo docente poderán desfrutar dun centro mellor equipado, aclimatado e cómodo”.

Pola súa banda, conselleira de Política Social e Igualdade enmarcou esta intervención no compromiso da Xunta coa atención á infancia e o apoio á conciliación das familias, a través de investimentos de mellora nos centros de 0 a 3 anos ou tamén con medidas como a gratuidade.

Ao respecto, destacou que este é o cuarto curso consecutivo no que as familias galegas non teñen que pagar nada pola atención educativa dos seus fillos ou fillas, vaian a unha escola 0-3 da Xunta, dependente dun concello, de iniciativa social ou privada. Grazas á gratuidade, Galicia lidera a taxa de escolarización no primeiro ciclo de Infantil cun 65%, 15 puntos por riba da media nacional.

Melloras en escolas das redes autonómica e local

A mellora deste centro de Porto do Son forma parte dun novo programa de intervencións en escolas infantís públicas de 0 a 3 anos toda Galicia, de titularidade municipal e autonómica. A Xunta destinará a estas actuacións, preto de 980.000 euros procedentes do Fondo de Cohesión e Transformación Social (FCT).  Con estes fondos acometeranse actuacións de reforma, de ampliación, de renovación de cubertas e fachadas ou de equipamento, en función das necesidades que teñan os centros.

Comments are closed.

Close Search Window