O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por parte do equipo de goberno, recibiron hoxe ao director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, no castro de Baroña, na súa visita a un dos recursos turísticos da comunidade que achegan singularidade e natureza á oferta turística de Galicia.
Situado no istmo da Punta do Castro, na parroquia de San Pedro de Baroña, este xacemento constitúe un dos principais exemplos de castros marítimos de Galicia. Durante a súa visita, Xosé Merelles recalcou o bo comportamento das visitas ao castro durante os meses centrais do verán, con case 10.000 visitas sumadas entre xullo e agosto.
Pola súa banda, Oujo agradeceu a Melleres que “viñera hoxe ata Porto do Son para coñocer polo miúdo estes datos, con case 10.000 persoas que visitan este marabilloso enclave durante os meses centrais do verán”.
“Castro de Baroña consolídase como un enclave turístico de referencia, con turistas nacionais e internacionais. Por iso, desde o Concello estamos intentando regular as visitas para que todo o mundo poida desfrutar deste enclave único e privilexiado. O noso compromiso é seguir traballando para intentar mellorar a accesibilidade e facer unha visita máis confortable para todas as persoas visitantes que se acheguen ata a zona”, concluíu o rexedor.
En concreto, no mes de xullo Baroña foi visitado por 4.510 persoas, un 17% máis que no mesmo mes de 2024. Destas, un 85% correspondeuse con turistas nacionais. Entre os e as visitantes do mercado internacional destacan as recibidas de persoas de Francia (26,8%), Alemaña (12%), Estados Unidos (9,9%) e Bélxica (7,5%). Ata o 24 de agosto rexistráronse 5.214 visitantes.
Estes datos amosan certa continuidade cos doutros períodos de alta afluencia, como a Semana Santa, cando o número de visitas incrementouse nun 18%, ata as 536 persoas. Destas, un 83% procedían do mercado nacional.
Precisamente co obxectivo de coñecer o verdadeiro impacto dos visitantes, Turismo de Galicia ten previsto realizar proximamente un estudo dos fluxos turísticos do Castro de Baroña. Xosé Merelles salientou que esta análise “permitiranos reforzar a planificación e xestión do destino con novas ferramentas”, ao tempo que “nos dará as claves para a optimización da programación turística deste recurso”.
O director de Turismo de Galicia enmarcou as estatísticas de visitas no contexto de datos de visitantes rexistrados na provincia da Coruña ata xullo de 2025. Na primeira metade do ano, 1,28M de persoas rexistráronse en aloxamentos da provincia, realizando máis de 2,23M de pernoctacións. Estas cifras tradúcense nunha mellora do 0,5% e do 1,8%, respectivamente, en relación ao mesmo período de 2024.
Xosé Merelles puxo en valor a especial singularidade do castro, que desde 2011 está considerado como Ben de Interese Cultural. A súa localización, na praia de Área Longa, incrementa a súa relevancia a nivel de patrimonio natural, así como recurso cultural e turístico que se remonta aos primeiros poboamentos castrexos da comunidade. O emprazamento estivo habitado entre os séculos IV a.C. e I d.C.













