O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por membros do goberno local, recibiron hoxe no municipio sonense ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que visitou os traballos no xacemento arqueolóxico do castro de Baroña e que están a permitir, entre outros achados, coñecer a estrutura interior deste Ben de Interese Cultural.
Así, a Xunta de Galicia está a realizar novas intervencións arqueolóxicas nesta zona “co que son xa máis de 400.000€ os investidos polo Goberno galego neste xacemento nos últimos anos”, tal e como destacou López Campos.
O conselleiro tamén explicou que as novas accións realízanse ao abeiro do Plan da actuacións arqueolóxicas que cada ano pon en marcha o Goberno galego. Sobre o mesmo, destacou que este 2025 destínanse 1,5 M€ para 81 intervencións, “das cales 14 desenvólvense na provincia da Coruña cunha partida que supera os 217.000 €”.
Neste senso, puxo en valor que en 2025 a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude incrementou de “xeito considerable” a partida reservada para arqueoloxía, “tal e como demostra que, con respecto ao de 2024, superamos máis do dobre as accións só na provincia da Coruña”. Ao respecto, atribuíu esta suba a que “cada vez son máis o número de lugares históricos e de actuacións que precisan de acondicionamento, conservación, investigación, catalogación e divulgación, xa que estamos ante uns bens culturais que posúen unha relevancia incuestionable para Galicia”, aseverou.
Sondaxes en dúas áreas do castro
No caso concreto do castro de Baroña, o conselleiro precisou que a intervención arqueolóxica consiste en sondaxes en dúas áreas do xacemento, ademais doutras accións que inclúen substituír o vinilo do cartel informativo “e actuacións de mantemento de cara a seguridade nas visitas ou mesmo no que atinxe ao aspecto deste patrimonio tan senlleiro”.
O máximo responsable de Cultura do Executivo autonómico informou que para estas actuacións se van destinar máis de 18.000 €, que se suman aos máis de 400.000 € que leva investido a Xunta neste xacemento nos últimos anos, “o que reflicte a importancia que lle damos non só en preservalo, senón en seguir indagando e divulgando un ben que ten moito que contar da historia de Galicia”, concluíu.









