A Xunta de Galicia vén de licitar o peche lateral da pista cuberta do Instituto de Porto do Son. Así, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destinará 280.000 euros a esta actuación que ten como obxectivo arranxar os muros derrubados polos temporais e protexer a pista da climatoloxía e da entrada de persoas alleas ás instalacións docentes.
Para dar resposta a estas necesidades, proxéctase un peche dunha altura de 3,75 metros, con paneis prefabricados de formigón, e desde os paneis ata a altura de cuberta con chapa ondulada microperforada de aluminio, que permita a iluminación, ventilación e a protección das choivas laterais. Tamén se instalarán os canalóns e as baixantes para a evacuación das augas pluviais e colocarase unha nova cuberta de panel sándwich nos vestiarios.
Ademais desta actuación e ao abeiro de axudas autonómicas, en Porto do Son acometéronse o cambio de cuberta do instituto da localidade (422.000 €), así como o do Colexio Santa Irene (260.000 €).

