A Confraría de Pescadores ‘San Telmo’ organiza, coa colaboración do Concello de Porto do Son, un curso de mariñeiro pescador.
As persoas interesadas poden inscribirse ata o vindeiro 20 de marzo nas oficinas da Confraría, en horario de 8.00 a 15.00 horas. Deberán achegar unha copia do DNI en vigor, a solicitude e o poder de representación da Confraría.
Posteriormente, a matrícula formalizarase no período comprendido entre o 23 e o 30 de marzo, previo aboamento da taxa administrativa.
O curso é totalmente gratuíto, agás a taxa de 19,37 euros en concepto de ‘proba de aptitude para a obtención do certificado de mariñeiro pescador’.
As persoas inscritas deben ter coñecementos en lecto-escritura en galego e castelán para facer o exame.
As persoas admitidas no curso deberán superar a proba de natación obrigatoria, declarando que posúen as condicións físicas óptimas (saber nadar un largo de piscina). Durante a proba é obrigatorio o uso de gorro e chancletas.
A formación está subvencionada ao abeiro dunha axuda para accións formativas, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), que contribúan ao desenvolvemento da formación profesional, das novas competencias profesionais e da formación permanente do sector pesqueiro.


