O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, recibiu á conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, para avaliar de primeira man o impacto que ten o acordo asinado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) na mellora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é de competencia municipal e no que a Xunta inxextará máis de 600.000 euros ata 2028.
O rexedor agradeceu “a sempre disposición e o compromiso da Xunta de Galicia para chegar a este tipo de acordos que son tan beneficiosos para a veciñanza. Ademais, supón un importante aforro para as nosas arcas municipais e que aproveitaremos para seguir mellorando os servizos sociais”.
Fabiola García cualificou de “histórico” este acordo, xa que suporá un aumento do 50% da achega do Goberno galego ao SAF. En concreto, explicou que no caso do concello de Porto do Son, este acordo terá un impacto claramente positivo, posto que o incremento do financiamento da Xunta durante os tres anos de vixencia do acordo ascenderá a preto de 600.000 euros, recibindo un total de 2,1M€. Isto representa, engadiu, un importante aforro para o concello de Porto do Son, que poderá aproveitar para seguir mellorando os seus servizos sociais.
Neste sentido, lembrou que a Xunta xa está levando a cabo a actualización do módulo de financiamento do SAF e que os concellos teñen o prazo dun mes, ata o vindeiro 27 de abril, para solicitar formalmente o incremento da achega da Xunta a este servizo de xestión municipal. De feito, destacou que o Concello de Porto do Son, xunto ao de Ponteareas, foron os dous primeiros municipios en solicitar este aumento.
Con esta actualización dos prezos, que terá efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2026, o Goberno galego cumpre co obxectivo de aumentar progresivamente a súa achega ao financiamento do SAF para persoas dependentes e, ademais, incentivase aos concellos para que presten este servizo con criterios comúns de calidade e homoxeneidade. De feito, grazas ao acordo coa Fegamp, a Xunta achegará ata 2028 un total de 500M€ (150M€ máis dos inicialmente previstos). Así, todos os municipios que decidan adherirse, recibirán 16 euros por hora en 2026, 17 euros en 2027 e 18 euros no ano 2028. Este incremento gradual supón unha suba do 50% da achega da Xunta.


