O alcalde, Luis Oujo, e a tenente de alcalde, María Maroñas, reuníronse esta mañá co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para abordar distintas melloras nas infraestruturas sanitarias do municipio que redundarán nunha mellor atención aos veciños. No encontro participou tamén o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, e a subdirectora xeral de Investimentos do Servizo Galego de Saúde, Belén Suárez.
Na xuntanza, o conselleiro e o alcalde abordaron unha nova colaboración para mellorar a cuberta e humanizar o interior do consultorio de Portosín, co fin de solucionar os problemas de filtracións e humidades actuais no edificio. A tal fin, os técnicos do Servizo Galego de Saúde realizarán unha visita de inspección ao centro para avaliar as necesidades de actuación, como paso previo á tramitación do convenio.
A Consellería de Sanidade e o Concello de Porto do Son xa impulsaron o pasado ano unha mellora do centro de saúde de Porto do Son, cun investimento conxunto de 43.000 euros. As obras consistiron na impermeabilización da fachada traseira e no acondicionamento das instalacións e da cuberta do centro de saúde para evitar filtracións de auga. Estas obras súmanse ás realizadas en 2024, de reforma da cuberta, por valor de 12.000 euros.
Ademais, tal e como lle informou o alcalde ao conselleiro na reunión desta mañá, o Concello de Porto do Son está a ultimar os trámites urbanísticos para poñer á disposición da Xunta os terreos onde se emprazará o novo centro de saúde, posibilitando así que o Goberno galego licite a redacción do proxecto, algo que se prevé neste ano.
O futuro centro de saúde está recollido na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria da Xunta. O futuro inmoble contará con cinco consultas de médico de familia, catro de enfermería, unha de farmacia, unha de odontoloxía, unha sala de respiratorios, unha consulta de urxencias, dúas consultas polivalentes, despacho de traballador social e unha sala de toma de mostras. Así mesmo, disporá dunha área da muller, área pediátrica e área de rehabilitación.
O novo centro incrementará respecto do actual nunha consulta de adultos e unha de pediatría, un odontólogo (novo servizo) e sala de educación sanitaria, entre outras dependencias.


