Mar|

O alcalde Porto do Son, Luis Oujo, recibiu hoxe no municipio ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que acudiu ao acto de entrega de 12 novas furgonetas pickups destinadas ao Servizo de Gardacostas de Galicia, unha actuación que cualificou como “fundamental” para reforzar a base loxística en terra do servizo.

O rexedor aproveitou para agradecer “a presenza do presidente hoxe aquí e o apoio constante que a Xunta ofrece para blindar o noso litoral e que os nosos gardacostas poidar contar co mellor equipamento posible”.

Así como tamén puxo en valor “as medidas aprobadas polo Consello da Xunta que aportarán máis de 20 millóns de euros para apoiar ao sector pesqueiro e rexenerar o danado durante os fortes temporais que azotaron as nosas costas este inverno”.

Durante o acto, no que estivo acompañado da conselleira do Mar, Marta Villaverde, Rueda tamén explicou que estas novas unidades, que supuxeron un investimento de preto de 645.000 euros —cofinanciados pola Unión Europea a través do Fempa—, veñen renovar o parque móbil para que os axentes conten coas mellores ferramentas. Con esta incorporación, o servizo conta xa cun total de 87 vehículos, que se suman ás 24 embarcacións e aos dous helicópteros –con base en Celeiro e Vigo– para ofrecer unha vixilancia integral por terra, mar e aire.

Neste sentido, o titular do Goberno galego indicou que a Xunta xa ten prevista unha dotación de 3,5 millóns de euros para a fabricación de dúas novas patrulleiras lixeiras —coas que se renovará e reforzará a frota— e a compra de dous camións con grúa para optimizar o servizo de retirada e reciclaxe de residuos no litoral.

O presidente lembrou que Galicia é “a única comunidade autónoma que conta cun servizo de gardacostas propio”, operativo os 365 días do ano. Así mesmo, salientou o feito de que o seu labor vai máis alá do salvamento marítimo –rescatou a máis de 2.000 persoas desde a súa creación hai máis de tres décadas–, xa que tamén realiza tarefas de loita contra o furtivismo e a contaminación mariña.

Así, o pasado ano, o servizo realizou 10.000 inspeccións o que, tal e como afirmou Rueda, resulta fundamental para atallar a venda ilegal de produtos do mar, protexer o traballo do sector e garantir a seguridade alimentaria.

“Oxalá non fose necesaria esa labor de asistencia e de vixilancia, pero todos sabemos que si para que as cousas se fagan ben, para respectar o traballo dos profesionais que cumpren coas normas fronte ao furtivismo e fronte esas actuacións que esquilman os nosos recursos”, apuntou. Así, reafirmou o compromiso da Xunta con este servizo, xa que neste ano 2026 se destina a Gardacostas unha cifra histórica de 18,2 millóns de euros para seguir protexendo a economía, a saúde e o medio mariño galego.

No acto, Rueda agradeceu o compromiso dos máis de 140 efectivos que conforman o corpo, aos que se sumarán proximamente outros 23 tras o proceso selectivo que está actualmente en marcha. Ademais, tivo palabras de recoñecemento para o labor de vixilancia que fan tamén os gardapescas das confrarías e agrupacións de mariscadores.

Apoio e protección dun sector fundamental

O presidente do Goberno galego puxo tamén en valor “a potencia pesqueira fundamental, a nivel rexional a maior de Europa” que representa Galicia, algo que “pasa por ter barcos pescando por todo o mundo, pero tamén por ter aquí a moita xente coidando os nosos produtos para que sigan sendo unha fonte de riqueza e de identidade; esa Galicia Calidade da que sempre falamos ten nos nosos mariscos unha das súas mellores mostras”.

Así mesmo, sendo consciente do “momento complicado” que está a vivir o sector, fixo referencia as axudas aprobadas no Consello da Xunta desta semana “de máis de 20 millóns de euros —22,7 M€— para traballar, en colaboración coas confrarías, na rexeneración de todo o que se danou cos temporais destes meses”.

Comments are closed.

Close Search Window