O alcalde, Luis Oujo, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuníronse a pasada semana para avaliar vías de colaboración para mellorar as redes de saneamento e abastecemento do municipio e os servizos prestados neste ámbito.
No eido do tratamento das augas residuais, as partes analizaron fórmulas coas que dar solución á falta de conexión dalgunhas vivendas illadas ao sistema de saneamento municipal. Neste sentido, o Executivo galego e o Concello vanse coordinar para elaborar un proxecto mediante o cal os núcleos de poboación pendentes poidan incorporarse á nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) do municipio.
O rexedor trasladoulle á conselleira, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, varias propostas para mellorar o servizo de abastecemento en varias parroquias de Porto do Son, co fin de garantir a subministración de auga potable durante todo o ano, especialmente nos meses de verán. Con ese fin, acordaron manter novos contactos no futuro para deseñar e perfilar a mellor solución posible desde o punto de vista técnico.

