Sanidade|

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, asinou hoxe un convenio de colaboración co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que visitou o centro de saúde do municipio acompañado do xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.

Gómez Caamaño subliñou o compromiso da Xunta coa sanidade pública de Porto do Son, materializado nunha nova reforma do centro de saúde mentres se impulsa o novo equipamento. Así , este convenio de colaboración, financiado ao 50 % entre a Xunta e o Concello, servirá para acometer unha nova reforma do centro de saúde, cun investimento total de 43.000 euros.

Esta nova obra é continuación da realizada no ano 2024, mediante a que se reformou a cuberta do centro, e na que se investiran preto de 12.000 euros.

Tras a sinatura, rexedor quixo “agradecer a sempre disposición da Xunta de Galicia para chegar a este tipo de acordos que son fundamentais para a mellora das nosas infraestruturas”.

“Esta actuación permitirá ofrecer un espazo máis axeitado para a prestación da asistencia á nosa veciñanza, así como tamén optimizar as condicións do centro e prolongar a durabilidade da infraestutura”, rematou Oujo.

No acto, no que estivo acompañado polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o conselleiro explicou que as melloras no centro se aplicarán sobre a fachada traseira, que se limpará antes de proceder á súa impermeabilización co propósito de reforzar a súa protección fronte á humidade.

Polo que atinxe á cuberta, realizarase unha limpeza e saneamento completos, o que implica o lavado da parte traseira do tellado e a reposición das tellas rotas. Na zona dianteira, levantaranse as tellas para eliminar musgo e herbas daniñas. Ademais, impermeabilizaranse as chemineas. Tamén se rematará a cubrición da entrada principal.

O máximo responsable sanitario da Xunta incidiu é que o obxectivo destas melloras é ofrecerlles aos profesionais e usuarios da sanidade pública o espazo máis axeitado para a prestación da asistencia á cidadanía.

Segundo sinalou, estas obras enmárcanse na liña de traballo da Xunta de reforzar a atención primaria en toda a comunidade, combinando tarefas de mantemento inmediato sobre as infraestruturas existentes e a planificación de novos proxectos.

Novo centro de saúde

Na súa intervención, Gómez Caamaño avanzou que a Xunta e o Concello están a traballar nun proxecto moito máis ambicioso, a construción dun novo centro de saúde en Porto do Son, infraestrutura que terá unha superficie de 1.800 m2.

O novo centro aumentará de xeito significativo a capacidade asistencial incorporando máis consultas de medicina e de enfermería, ademais de dispoñer de novos servizos como odontoloxía ou fisioterapia e áreas específicas para pediatría e atención á muller.

O máximo responsable do Servizo Galego de Saúde dixo que xa está identificado o solar onde se emprazará o novo centro de saúde, nun lugar céntrico e  accesible á cidadanía, e explicou que o Concello ultimou xa a unificación das parcelas necesarias para a súa construción.

Tan pronto como o Concello poña os terreos á disposición da Xunta, o Executivo galego empezará a traballar de inmediato na redacción do proxecto básico e de execución para avanzar coa maior axilidade posible. O conselleiro agarda poder iniciar este traballo xa o vindeiro ano.

Gómez Caamaño dixo que a Xunta ten a máxima vontade de traballar da man co municipio para conseguir unha infraestrutura sanitaria moderna e eficiente que cumpra con todos os requirimentos da normativa urbanística e que conte cun deseño que permita a maior accesibilidade e funcionalidade posible.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro amosou o seu recoñecemento ao traballo do alcalde, así como a colaboración dos profesionais sanitarios, fundamentais para que estas actuacións poidan levarse a cabo con éxito.

O conselleiro e o xerente da área sanitaria, xunto co alcalde, realizaron tamén hoxe unha visita ao centro de saúde municipal.

Comments are closed.

Close Search Window