O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañou ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na súa visita de hoxe ao campamento xuvenil Virxe de Loreto, de Porto do Son, para celebrar o inicio da campaña de verán coa maior oferta da historia de actividades programadas pola Xunta de Galicia.
Durante a visita, que tamén contou coa presenza dadelegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, López Campos remarcou a variada oferta da campaña Modo verán activo. “Non é só unha actividade de ocio se non un recurso de conciliación da vida familiar e laboral, que segue a ser un referente a nivel nacional”, explicou.
Desta maneira, nestas instalacións en Porto do Son, que conta con 120 prazas en cada quenda, tamén se aloxan nestes días, ademais dos menores galegos, 20 menores de Álava e 20 de Castela-A Mancha, que accederon á convocatoria grazas ao plan de intercambios con outras comunidades autónomas.
En total son catro as estadías programadas neste complexo, cun total de 480 prazas para mozos e mozas de 13 a 17 anos. Con esta visita, as autoridades saudaron á mocidade participante na primeira quenda duns campamentos que se estenden por toda Galicia, distribuídos en varios grupos ata setembro.





