O Concello de Porto do Son contará con tres novas sendas seguras para os peóns na estrada autonómica AC-550 ao seu paso polo municipio, que se inclúen na nova fase do Plan de Sendas de Galicia aprobado recentemente pola Xunta de Galicia.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao alcalde de Porto do Son, Luis Oujo; a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, deu a coñecer hoxe estas actuacións, nas que se prevé un investimento de 1,5M€.
M. Allegue quixo destacar que as sendas previstas “porán aínda máis en valor este concello, ademais de supoñer outro paso en firme no ámbito da mobilidade segura e sostible”. En concreto, habilitaranse tres itinerarios ao longo de distintos tramos da AC-550 ao seu paso por Porto do Son, cun percorrido que suma 2,8km.
O primeiro deles discorrerá entre Linteiros e A Gafa, con 1.080m e un investimento previsto de 594.000€, mentres que o segundo estenderase do Alto de Olveira e Cadeiras (850m e un orzamento previsto de 482.500€). Por último, o terceiro irá entre Cans e Quintáns, con 880m e un investimento estimado de 505.000€.
Estas sendas conectarán con outros treitos da estrada que xa contan con beirarrúas, de xeito que con esta actuación conseguirase un itinerario peonil seguro nun tramo de 6km desta estrada que vertebra o concello.
Hoxe mesmo a Xunta licitou a redacción dos proxectos das sendas de alta prioridade incluídas en la segunda fase do Plan de Sendas, nas que se inclúen as planificadas en Porto do Son. Tal e como explicou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, o obxectivo é se poida comezar a redactalos a mediados do vindeiro ano. As empresas interesadas terán de prazo ata o próximo 30 de xaneiro.