Xuventude e deporte|

O salón nobre do Real Club Náutico Portosín acolleu este xoves 13 de xuño a presentación da 24 edición da Regata Ramiro Carregal Rey, emblemática proba que organiza a dita entidade deportiva en colaboración co Club Náutico e Deportivo de Ribeira.
A XXIV Regata Ramiro Carregal Rey disputarase os días 22 e 23 de xuño, cun percorrido costeiro e unha proba ao vento: a primeira delas o sábado, que levará á frota desde a ría de Muros e Noia ata a de Arousa, nun trazado de gran beleza paisaxística, con Corrubedo e o paso de Sagres próximo a Sálvora, Vionta e Noro, que fan do seu rumbo un dos máis belos das Rías Baixas. E o segundo, na xornada dominical, un barlovento–sotavento, nun trazado moito máis técnico que obrigará ás tripulacións para empregarse a fondo para optimizar os mellores resultados ao ser unha manga onde os pasos por boia son decisivos.
O acto de presentación foi presidido polo empresario ribeirense que dá nome á regata, Ramiro Carregal Rey. Asistiron ao mesmo representantes da xunta directiva do Real Club Náutico Portosín, entre os que se atopaban, a súa vicepresidenta, Pepa Castro; o comodoro e vicecomodoro, Fernando González e José García, respectivamente; o presidente da Real Federación Galega de Vela, Manuel Villaverde; o presidente do Club Náutico Deportivo de Ribeira, José Luís Torres Colomer; o patrón maior da Confraría de Pescadores de Portosín, Isaac Gaciño; así como os concelleiros de Porto do Son de Deportes e Turismo, Carlos Lorenzo e Alicia Martínez, respectivamente; e o tesoureiro de Náutico de Ribeira, Justo Arevalillo.
E é que na Ramiro Carregal Rey non só pon en xogo o Gran Trofeo Faro de Corrubedo, senón tamén a Copa de Galicia de Cruceiros, sendo este ano, ademais, e por designación da Real Federación Galega de Vela, Campionato Galego de Cruceiros ORC.
A nova no Facebook:
www.facebook.com/share/p/kLEwN6RGsvps5Jhc/

Comments are closed.

Close Search Window