O alcalde do Porto do Son, Luis Oujo, recibiu hoxe á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita á parroquia de Xuño, catalogada como priorizada, onde se están levando a cabo traballos de xestión da biomasa nas faixas secundarias ao abeiro do convenio de colaboración asinado con Seaga.
O rexedor agradeceu o apoio da entidade autonómica “para poder levar a cabo estas tarefas tan importantes na prevención de incendios”.
Gómez, pola súa banda, sinalou que, en todo o termo municipal, hai un total de 188 parcelas contratadas para realizar este tipo de traballos nas cinco parroquias priorizadas que ten este concello e que suman unha superficie total, en faixas de xestión, de 32 hectáreas. Que os propietarios poidan contratar a Seaga para a xestión da biomasa nas faixas secundarias de parroquias priorizadas é unha das posibilidades que ofrece o acordo asinado con esta empresa pública. Neste sentido, a conselleira incidiu en que estes labores deben ser solicitados polos propietarios dos terreos, que os poden contratar a un prezo moi competitivo, de 420 euros por hectárea. Así, destacou que, ao abeiro deste acordo, a Consellería do Medio Rural realizou xa actuacións en algo máis de 2.600 parcelas de 70 parroquias priorizadas de toda Galicia.
Seguindo esta liña, María José Gómez lembrou que a limpeza das faixas secundarias é responsabilidade dos particulares e, se estes non cumpren coas súas obrigas, a tarefa debe ser asumida polos concellos de xeito subsidiario, tal e como establece a Lei de incendios. Neste contexto, e co obxectivo de prestar apoio tanto a propietarios como ás administracións locais, a Xunta puxo en marcha este convenio con Seaga, que conta cun orzamento anual de 25 millóns de euros, e ao que están adheridos 299 concellos.



