Porto do Son volverá a vibrar cunha nova edición do Rompetiño Jump, un festival que subirá a artistas destacados da música urbana, do 4 ao 6 de xullo.
Hoxe, 18 de xuño, o Centro de Interpretación do Castro de Baroña acolleu a presentación oficial desta edición do Rompetiño Jump, no que estivo presente e interveu o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo. Tamén acudiu o concelleiro de Deportes e Xuventude, Carlos Lorenzo.
O acto, que contou coa condución do representante do Festival Rompetiño, Fernando de Castro, tivo ademais as intervencións de Luis Pazos, codirector do festival; Hugo Pérez, representante de Marketing local e clientes de Mahou San Miguel; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais e Roberto Garcia, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Coruña.
O rexedor amosouse encantado “da gran proxección desta cita, que xa é unha marca e un evento moi especial para nós” e na que espera “que esta edición poida bater o récord e superar esa barreira dos 20.000 espectadores”.
Oujo aproveitou para agradecer aos organizadores que sigan apostando polo municipio, e felicitounos polo seu gran traballo, xa que “a programación non ten nada que envexar á de festivais similares que se celebran en grandes cidades”.
Esta edición del Rompetiño Jump destaca pola presencia de artistas de renome a nivel nacional e internacional como Soto Asa, Raul Clyde, Disobey e Arce. O festival, ademais, mantén o seu compromiso co novo talento emerxente e a escea local, cos concertos de balde de Leite con Jalletas, Capitán Sabrosura e Paco de Leña.
Na presentación de hoxe anunciouse que esta edición do Rompetiño redobra a súa aposta polo deporte e a cultura urbana, con competicións de BMX, skate, breakdance e baloncesto 3×3. Así como tamén exhibicións abertas a todos os públicos e deseñadas para toda a familia.


