Porto do Son conta, desde hoxe, cun novo servizo de estimulación terapéutica para persoas con demencia, promovido pola Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer co apoio do Concello de Porto do Son e financiado pola Deputación da Coruña a través do seu POS Social.
Así, o alcalde, Luis Oujo, acompañado polo concelleiro de Benestar Social e Igualdade, José Luis Lijó Parada; María Tembra, traballadora social do Concello; Isabel Gey, presidenta de AGADEA e Vanesa Tubío, coordinadora local, presentaron hoxe no Centro de Interpretación do Castro de Baroña este novo servizo.
Esta iniciativa supón un paso adiante na atención comunitaria ofrecendo atención profesional, especializada e de proximidade para persoas con deterioro cognitivo e apoio integral ás súas familias.
O servizo, que conta cunha terapeuta ocupacional e unha xerocultora da plantilla de profesionais de AGADEA, presta servizo os luns, mércores e venres, en horario de 9:30 a 13:30 h no Viveiro de Empesas (rúa Noal, 32)
Desde hoxe, 2 de xullo, e ata o vindeiro 30 de novembro levarase a cabo este servizo que é 100 % gratuíto e que ofrecerá durante estes cinco meses actividades terapéuticas, atención psicolóxica individual, Escola de familias e servizo de fisioterapia.
O novo servizo está especialmente deseñado durante a etapa inicial de funcionamiento para sensibilizar sobre o dereito á atención da Lei de Dependencia e asentar un servizo estable e adaptado ás necesidades reais da comunidade nunha nova aposta por achegar os coidados das demencias ao territorio, con calidade, dignidade e acompañamento real.
Para máis información ou inscricións: 672 70 50 53 · cdiaribeira@xunta.gal

