Xeral|

Porto do Son prepárase para vivir con intensidade a súa tradicional Semana Santa, que vestirá as súas rúas de tradición e emoción. O programa, que se estenderá do 11 ao 20 de abril, foi presentado esta tarde na Capela da Atalaia, nun emotivo acto no que a tenente de alcalde, María José Maroñas, destacou a importancia desta celebración para toda a veciñanza sonense.

Maroñas agradeceu o esforzo de todos os implicados: “a Confraría da Paixón do Noso Señor, xunto con cada un dos colaboradores e a todas as persoas que portan as imaxes nas procesión, sodes o verdadeiro corazón desta celebración”. Ademais, convidou a todas as persoas a “vivila” porque “a Semana Santa non se ve, non se escoita nin se observa desde a distancia. A Semana Santa vívese”.

O programa

A programación comezará o venres 11 de abril cunha misa solemne en honra á Virxe das Dores e en memoria dos confrades falecidos. Será ás 20:00 horas na igrexa parroquial.

O Domingo de Ramos, día 13, marca o inicio da Semana Santa coa entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, recibido con palmas e aclamacións pola vida. Nunha cerimonia chea de simbolismo, bendinse as palmas e ramos na praza de España, ás 11:00 horas. A continuación, seguirá coa antes da celebración da misa.

O Martes Santo, 15 de abril, celebrarase o Via Crucis, unha das prácticas máis emblemáticas da Semana Santa. O percorrido rememora o camiño de Xesús cara a súa crucifixión, cunha procesión que partirá ás 22:00 horas da Capela da Atalaia e percorrerá as rúas do municipio. O Xoves Santo terá lugar, ás 18:00 horas, a misa na igrexa parroquial. A continuación sairá a procesión do Ecce-Homo, que estará acompañada pola Agrupación Musical Virxe da Amargura de Ferrol.

O Venres Santo será unha das xornadas máis intensas e emotivas. A mañá comezará, ás 10:30 horas, coa Escenificación na praza de España, seguida da súa correspondente procesión do Santo Encontro. Pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase na igrexa parroquial a Liturxia e Desencravo, tras a cal sairá a solemne procesión do Santo Enterro, acompañada pola banda de música municipal de Brión. Xa de noite, ás 23:00 horas, terá lugar a procesión da Virxe da Soidade, un dos momentos máis conmovedores da Semana Santa, coa imaxe da Virxe percorrendo as rúas en silencio, só interrompido polos sons da banda municipal de Brión.

O broche final chegará o Domingo de Resurrección, o 20 de abril, coa procesión de Xesús Glorioso e o Encontro de Resurrección. A procesión partirá da capela da Atalaia ás 11:00 horas e rematará coa celebración dunha misa na Igrexa parroquial, acompañada pola banda de música de Caldas de Reis.

Comments are closed.

Close Search Window