Medio Ambiente e cambio climático|

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, xunto ao alcalde, Luis Oujo, salientou hoxe o compromiso co coidado da paisaxe e co medio ambiente demostrado por Porto do Son, ademais dos outros 23 concellos recoñecidos coa Bandeira Verde de Galicia no marco da convocatoria de 2024.

Nese sentido, fixo fincapé en que cada vez son máis os municipios que aspiran e acadan este recoñecemento. Así, o ano pasado o Goberno galego, a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET), recibiu un número récord de solicitudes e concedeu 24 galardóns, un 33% máis que o ano anterior e a cifra máis alta desde a primeira edición.

Durante o acto de izado da bandeira verde en Porto do Son, a conselleira subliñou a importancia deste programa pola visibilidade que lles outorga como territorios responsables e comprometidos co impulso de diferentes tipos de accións e boas prácticas para ordenar o territorio, protexer o medio ambiente e a contorna paisaxística; afrontar o cambio climático e mellorar a eficiencia enerxética; xestionar de xeito responsable os residuos municipais, e sensibilizar á cidadanía nesta materia.

No caso concreto de Porto do Son, Ángeles Vázquez salientou que este é o quinto ano consecutivo que recibe o galardón e que, de feito, é o único municipio de toda Galicia que mantén este distintivo de forma ininterrompida desde a primeira edición.

Ao respecto, a responsable autonómica puxo en valor o traballo realizado polo Goberno local nestes anos en favor da ordenación do territorio e da conservación e protección da paisaxe e do medio ambiente, con intervencións urbanas que aportan valor aos espazos públicos municipais, respectando sempre a identidade desta vila mariñeira.

Ademais, de cara a este ano, o Concello de Porto do Son ten previsto desenvolver tamén accións dirixidas a promover entre a cidadanía este mesmo compromiso cun territorio sostible e resiliente ao cambio climático.

Por último, Ángeles Vázquez considerou a Porto do Son como un exemplo a seguir para o resto de municipios e tamén para a súa veciñanza porque, resaltou, aplicar medidas de aforro enerxético, facilitar a reciclaxe ou implantar proxectos de respecto á contorna natural é un xeito de invitar á cidadanía a facelo.

Así mesmo, animou aos concellos a optar a este recoñecemento na próxima convocatoria e engadiu que a súa concesión supón un mérito adicional para a obtención de subvencións en materia de patrimonio natural e, tamén, para recibir axudas autonómicas para construír e mellorar puntos limpos fixos, instalacións móbiles deste tipo ou impulsar proxectos de preparación para a reutilización.

Comments are closed.

Close Search Window