O Concello de Porto do Son vén de ser galardoado con dous premios enmarcados na XVII Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo: un á mellora do bordo da praia O Cruceiro, no núcleo municipal, e outro á rehabilitación de espazos públicos de Nebra.
A mellora da beira do areal da vila é unha obra na que se tratou a renaturalización do acceso á mesmasen impoñer límites nin barreiras. A través da retirada do asfalto e o formigón e sentando as bases dun sistema dunar con vexetación autóctona, esta obra conseguiu definir o equilibrio entre o urbano e o natural. A intervención abarcou uns 4.000 metros cadrados de superficie e agora o lugar conta con tres pasarelas perpendiculares de madeira que conectan co núcleo da vila, maior accesibilidade e, sobre todo, un maior respecto pola contorna.
Outro dos recoñecementos obtidos polo Concello foi o relativo á rehabilitación de espazos públicos en Nebra, unha aldea interior do municipio que precisaba recuperar o carácter orixinal do lugar co arranxo duns camiños asfaltados nos anos 80 e que xa presentaban un nivel de deterioro que dificultaba a mobilidade dos peóns en varias zonas.
Coa nova proposta arquitectónica mellorouse a accesibilidade, a recollida de augas e iluminación ao tempo que se recuperou a condición orixinal do lugar caracterizada pola gran presenza do granito.
Estes premios poñen en valor as propostas arquitectónicas onde a mestura de materiais axuda á recuperación e posta en valor de lugares simbólicos ou onde a natureza e o urbano conflúen.
Tras coñecer o dobre premio, o alcalde, Luis Oujo Pouso, subliñou que “sempre é unha honra que o noso Concello sexa recoñecido en calquera ámbito pero a verdade é que este premio tan importante a nivel nacional, e mesmo internacional, a un municipio coma o noso duns 10.000 habitantes ten aínda máis valor. Fomos galardoados entre un abano de grandes cidades e grandes obras pero finalmente obtivemos recoñecemento ao noso traballo pola recuperación da contorna natural e sempre respectando a fauna e flora que a habitan, así como as tradicións que a conforman como é o caso de Nebra, xa que forman parte da nosa cultura”.







