Obras|

O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por membros do goberno local, recibiron hoxe no municipio sonense ao presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso.

Oujo agradeceu a visita institucional que “ofrece a oportunidade de amosar e de coñecer de primeira man as obras que se están a facer en Porto do Son”. Ademais, mantivo unha reunión con Formoso nos que analizaron proxectos conxuntos de presente e futuro.

Pola súa banda, o rexedor provincial destacou que o organismo que preside acumula un investimento de máis de 16 millóns de euros no municipio na última década, dos que 9,2 millóns corresponden a investimentos do Plan Único (POS+).

“O Plan Único é o mellor exemplo de como unha administración próxima como a Deputación pode contribuír de forma directa a mellorar a calidade de vida da veciñanza”, subliñou Formoso, lembrando que este instrumento permite aos concellos decidir libremente en que investir os fondos, segundo as súas necesidades e prioridades. “Non só falamos de grandes obras, senón de actuacións que melloran o día a día da xente: dende o abastecemento de auga ata a humanización de prazas, pasando por melloras en centros culturais ou instalacións deportivas”, engadiu.

O presidente provincial destacou o papel da institución que preside como “axente dinamizador de toda a socioeconomía local” en todos os eidos, como poden ser as infraestruturas -por iso visitaron a renovación do céspede do campo de fútbol municipal- a cultura, a creación de emprego ou a asistencia xeral.

No caso de Porto do Son, os 9,2 millóns do POS+ permitiron aprobar 66 obras nos últimos anos, centradas na mellora de infraestruturas básicas como redes de saneamento e abastecemento de auga; a construción de beirarrúas en núcleos como Coira, Freixedo, Eiravedra e O Pozo; ou a humanización de espazos públicos como o Calexón Outonil.

Renovación do campo de fútbol Emilio García

Entre as obras aprobadas tamén se contemplan melloras en infraestruturas educativas, culturais e deportivas, entre elas a renovación das ventás da escola infantil de Caamaño, a mellora da Casa da Cultura de Queiruga ou a renovación do céspede artificial do campo de fútbol Emilio García. Esta última obra, cun investimento de 191.000 euros, está xa rematada e consistiu na substitución do terreo de xogo, instalado en 2008, por un novo de herba artificial de última xeración, que permitirá un uso máis intensivo e cómodo para adestramentos e partidos. A comitiva institucional visitou a instalación acompañado polo vicepresidente do club Porto do Son, José Francisco Quintáns.

Quintáns agradeceu a axuda do Concello e da Deputación na renovación dun céspede no que adestran máis de 20 equipos entre os do Porto do Son e de Noia. Formoso destacou que o obxectivo é “axudar aos equipos que promoven o fútbol base e axudan a que os nenos e nenas poidan realizar actividades deportivas”. O presidente da Deputación incidiu na “inversión importante” que supón esta obra; mentres que o alcalde subliñou que este campo de fútbol incluíuse no POS+ 2023 para dar resposta ás demandas da veciñanza e que “sen o apoio da Deputación, efectuar esta renovación sería imposible”.

Formoso lembrou que o POS+2025 alcanzou este ano un investimento récord de 116 millóns de euros para os 93 concellos da provincia, dos que Porto do Son recibe máis de 1,5 millóns. Esta cifra podería incrementarse no outono con novas achegas adicionais, superando os 120 millóns de euros en total. Entre as obras aprobadas para este ano no municipio destacan as de saneamento e depuración de augas en Carantoña, Foloña, Soanes, Parada e Lavandeira, cun investimento conxunto superior aos 577.000 euros.

“Se queremos que todos os veciños e veciñas, vivan onde vivan, teñan acceso a servizos públicos de calidade e a infraestruturas dignas, é imprescindible contar con mecanismos de financiamento como o Plan Único, que aposta pola autonomía municipal e garante a igualdade de oportunidades”, concluíu.

Comments are closed.

Close Search Window