O Concello de Porto do Son iniciou a creación dun mural na entrada da vila concibido coma un elemento de cohesión social e cultural, cuxo obxectivo é embelecer o espazo público e reforzar a identidade mariñeira do municipio. Deste xeito, o proxecto pon en valor as tradicións e símbolos que definen a súa esencia.
Os concelleiros Carlos José Lorenzo e María José Maroñas encargáronse de dar as primeiras pinceladas do mural xunto con alumnos e alumnas do IES de Porto do Son nun taller formativo dirixido polo muralista Doctor Toy, quen lles explicou as técnicas da arte mural e o concepto de artivismo como ferramenta de expresión.
Neste sentido, o obxectivo da actividade é fomentar a conexión do alumnado coa localidade e a súa identidade mariñeira a través da creatividade, demostrando tamén que a mocidade é axente activo de cambio.
A obra, enmarcada no proxecto ‘9 murais participativos’ do GALP Costa Sostible, será rematada o próximo ano polo concello e reforza a súa identidade mariñeira a través dalgunhas das súas tradicións máis representativas como a pesca, as redeiras ou o marisqueo. Tamén aparece a súa contorna natural, co mar, o monte Louro, a vida mariña e o Camiño de Santiago como protagonistas.
O mural está sendo realizado con pinturas fotocatalíticas capaces de absorber CO2, contribuíndo así ao coidado do medio ambiente e achegando un valor engadido sostible á intervención.
Este proxecto pon en valor o potencial transformador da arte urbana como ferramenta de expresión colectiva, combinando arte, educación, participación cívica e compromiso medioambiental.




