O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, asinou hoxe coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe que supera os 390.000 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. A través deste acordo, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Porto do Son na primeira fase das obras de mellora do complexo deportivo da Tarela.
En concreto, o obxectivo do convenio firmado esta mañá en San Caetano é levar a cabo os traballos que permitan crear e ordenar un aparcadoiro que dea servizo aos usuarios do complexo (piscina e ximnasio) e mellore a chegada en vehículo e a mobilidade no contorno.
A obra prevista incluirá tamén o incremento e optimización da superficie útil destinada á actividade física, mellorando as condicións de uso e adaptando o espazo ás necesidades actuais.
A intervención a acometer polo Concello, que suporá un orzamento total de preto de 650.000 euros, desenvolverase así coa achega do Fondo de Cooperación da Xunta, que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena.



