Porto do Son presentou hoxe, 25 de novembro, o seu IV Plan de Igualdade 2024/2028, no marco do 25N e das actividades programadas polo Concello sobre igualdade e contra a violencia de xénero.
Entre os obxectivos desta ferramenta presentada hoxe destacan promover, impulsar e incrementar unha participación activa da muller na sociedade; sensibilizar á veciñanza sobre a desigualdade de xénero existente na sociedade; impulsar a coeducación e a progresiva eliminación do sexismo na escola, así como a segregación por razóns de xénero na comunidade; previr posibles situacións de violencia de xénero e levar a cabo medidas de protección en favor da muller vítima de violencia de xénero
No acto de presentación participaron o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo e o concelleiro de Benestar Social e Igualdade, José Luis Lijó. Tamén participaron Cristina Fontaiña García, psicóloga da área de Benestar e Igualdade; Elena Calo Pouso, educadora Social da área de Benestar e Igualdade e Alba Pérez Fernández, directora do Proxecto Exeria e encargada da elaboración do Plan de Igualdade 2024/2028.
Tras a presentación, o rexedor destacou que “este plan de igualdade que vimos a presentar non é só un documento, senon que tamén é unha folla de ruta cara unha sociedade más inclusiva e equitativa, que inclúen medidas de prevención, protección e apoio ás vítimas, así como a sensibilización e educación da nosa comunidade”.
Pola súa banda, Lijó indicou que “este IV plan recolle un estudo sociolóxico onde se radiografía a situación da muller no noso concello, comparándoa coa contorna, para logo establecer unha serie de obxectivos diferenciados por áreas, onde faremos especial fincapé na sensibilización e erradicación da violencia de xénero”
Porto do Son di NON á violencia de xénero
Ademais, o Concello organizou diversas actividades no marco deste 25N e baixo o lema ‘Porto do Son di NON á violencia de xénero’.
Así, realizouse o encontro “Hai saída grazas a ti”, celebrado o pasado 18 de novembro e dirixido ao alumnado do IES Porto do Son. O 21 de novembro tivo lugar, no Centro de Interpretación Castro de Baroña, a acción formativa ‘Educación sexual en famila’, dirixido a pais / nais / titores legais ou responsables na crianza.
Hoxe, 25N celebrouse actividade Aquagym en igualdade, un curso aberto a toda a veciñanza adolescente e adulta que se realizou na piscina municipal. Tamén, o vindeiro 4 de decembro levarase a cabo un ‘Curso de prevención de malos tratos e violencia de xénero contra mulleres maiores’, dirixido a persoas maiores e profesionais do sector da terceira idade.
Ademais, do 23 ao 30 de outubro realizouse un programa formativo para o impulso da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional Contra a Violencia de Xénero de Porto do Son. O obxectivo da formación foi o de facilitar claves para o traballo grupal e a dinamización e participación dos axentes que forman parte das Mesas Locais, a través da mellora das capacidades para a organización e a dinamización de procesos de traballo e de toma de decisión.