O Concello de Porto do Son conmemorará este 8M, Día Internacional da Muller, a través dunha programación centrada en diversas iniciativas en prol da igualdade e do benestar psicolóxico durante as vindeiras semanas.
O punto de partida será o 7 de marzo cando terán lugar as xornadas gratuítas de ioga na piscina municipal de Porto do Son. Esta actividade levarase a cabo en horario de 10:30 a 11:30 h e de 11:30 a 12:30 h. No caso de que as condicións meteorolóxicas non sexan as adecuadas realizarase na Casa da Cultura de Portosín. As inscricións están abertas para toda a veciñanza e poderán facerse na recepción da piscina ou chamando ao 604 051 189.
O domingo, 9 de marzo, está prevista a realización da andaina pola Igualdade, con saída desde o Monte Enxa ata Portosín, cun percorrido de 14 km e de dificultade baixa. Tamén haberá dispoñible unha saída ás 9:30 h desde Portosín con subida en bus ata Enxa. As inscricións están abertas a toda a veciñanza e deberán realizarse na oficina de deportes ou no 981 767 589.
Para o luns, 17 de marzo, o viveiro de empresas acollerá, en horario de 16:00 a 20:00 h, un curso de estilos de vida saudables – mindfulness. Esta actividade está financiada polo Sergas a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. As inscricións están abertas para toda a veciñanza e realizaranse enviando unha solicitude ao enderezo electrónico maria.santos.lemina@portodoson.gal
O venres desa mesma semana, 21 de marzo, o viveiro de empresas volverá a acoller outro curso, este destinado ao autocoidado emocional das mulleres. Esta formación realizarase en horario de 16:00 a 20:00 h e conta co financiamento do Sergas a través da Escola Galega de Saúde para Cidadáns. As inscricións están abertas para toda a veciñanza e realizaranse enviando unha solicitude ao enderezo electrónico maria.santos.lemina@portodoson.gal
Ademais, desde o mes de marzo e ata xuño están programados diversos obradoiros de benestar psicolóxico no viveiro de empresas. Esta actividade, financiada a través do Pacto de Estado, está aberta a toda a veciñanza e poderán inscribirse na área de Benestar Social ou a través do enderezo electrónico maria.santos.lemina@portodoson.gal
Tras a presentación do programa, o alcalde Luis Oujo destacou que “estamos moi orgullosos deste compendio de actividades, que son unha aposta en firme deste equipo de goberno pola igualdade e polo estilo de vida saudable, sen deixar atrás a ninguén e afondando no diálogo e no autocoidado como eixos da igualdade e da visibilidade”, engadiu.
Desde o Goberno animan a toda a veciñanza a participar neste completo programa do 8M, co obxectivo de expoñer as reivindicacións en materia de igualdade que teñen lugar polo Día Internacional da Muller.
