Obras|

O Concello do Porto do Son, a través do apoio do Fondo de Cooperación da Xunta de Galicia, traballa na adquisición dun inmoble na rúa Felipe III nº 26, para a súa posterior rehabilitación para destinalo a servizos básicos municipais.

O alcalde, José Luis Oujo Pouso, asinou coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e co secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, este acordo para o financiamento da adquisición de dito inmoble, que se atopa en situación de abandono. Neste acto de sinatura tamén estivo a directora territorial da Consellería, Begoña Freire.

Na reunión, o alcalde explicou que están en estudo de varios posibles usos do inmoble pero que a opción máis probable é a de musealizar a zona destinada antigamente á salgadura e habilitar un albergue turístico na parte que estaba dedicada a vivenda. O edificio albergaba unha antiga planta de salgadura, que ademais contén unha zona de vivenda, outra de almacén e pías e varias galerías.

Este acordo trátase da concesión dun préstamo, sen xuros, de 201.560 euros, proporcionado polo Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes. O convenio, firmado en San Caetano no marco deste fondo, cubre a necesidade de financiación do Concello para facer fronte a adquisición do citado inmoble e poder así inscribir a vivenda ao seu nome e destinalo a servizos básicos municipais.

Esta intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo máis de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

Este préstamo ao Concello do Porto do Son  correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, que estará aberta ata o vindeiro 15 de outubro.

Reunión de traballo

No marco da firma do acordo, rexedor e conselleira mantiveron unha reunión de traballo, na que Oujo e Allegue abordaron actuacións en materia de infraestruturas, de interese para este municipio.

Comments are closed.

Close Search Window