Cultura, ocio, tempo libre|

Porto do Son celebrará neste 2025 un Entroido que durará desde o 1 e ata o 5 de marzo e no que se repartirán 3.775 euros en premios. 

O sábado 1 de marzo, a partir das 17:00 h, terá lugar o concurso infantil de disfraces que organizarase en tres categorías: individual, parellas e grupos. A xornada estará marcada pola música, a diversión e contará co minipasarrúas, que irá desde Praza España á carpa da fachada marítima coas nenas e nenos concursantes. Tamén terán lugar as actuacións ‘Canta Música’ de Pablo Díaz e do Mago Willy Pomper e a Princesa Pomperela. Durante o concurso realizaranse distintas actuacións e no descanso haberá unha sorpresa para o público. No caso de choiva a xornada celebrarase no pavillón de Santa Irene.  

Un día despois, o 2 de marzo, a partir das 17:30 h, celebrarase a foliada choqueira en Porto do Son, organizada en colaboración coa Asociación Sonora. Tamén haberá chocolatada e filloada e A.A.F. Chorimas realizará un pasarrúas pola vila ata a fachada marítima. A partir das 17:45 h actuará B.M.T. Suevia e ás 18:30 h continuará a foliada coa Asociación Sonora. 

Paralelamente, celebrarase a Festa da Filloa en Portosín, organizada en colaboración coa veciñanza de Portosín. Contará con filloada na Praza do Curro. 

O luns, 3 de marzo, a partir das 17:00 h, terá lugar o concurso de adultos de disfraces que organizarase en tres categorías: individual, grupo e comparsas. A xornada volverá estar marcada pola música, a diversión e contará co pasarrúas, que irá desde a Casa da Cultura á carpa da fachada marítima coas persoas concursantes. Tamén terán lugar as actuacións ‘Little Garden’ de Pablo Méndez e da Comparsa Os Solfamidas na Carpa. Todo isto presentado por Juan de Troula que será o encargado de elixir o xurado popular ante o público asistente. No caso de choiva a xornada celebrarase no pavillón de Santa Irene.  

O martes de Entroido, 4 de marzo, haberá inchables desde as 16:30 ata as 20:30 h no polideportivo Santa Irene. Por último, o mércores de cinza, 5 de marzo, celebrarase o Enterro do Felipiño, a partir das 19:30 h no Acompañamento do Defuntiño. 

As persoas interesadas poderán inscribirse, ata o vindeiro 26 de febreiro, de xeito presencial no Rexistro do Concello ou a través da sede electrónica municipal. Descarga as bases e o formulario de inscrición do Concurso de disfraces e comparsas de Entroido 2025. Non se admitirán inscricións fóra de prazo, nin se realizarán inscricións a pé de concurso.

Máis de 3.700 euros en premios

Para ambos os dous concursos establécense premios que ascenden a 3.775 euros distribuídos da seguinte maneira:

– Grupo Infantil: 150 € (1º premio), 75 € (2º premio), 50 € (3º premio).

– Parellas Infantil: 100 € (1º premio), 60 € (2º premio), 40 € (3º premio).

– Individual: 70 € (1º premio), 50 € (2º premio), 30 € (3º premio).

– Raíña: 100 € e Rei: 100 €

– Comparsas adulto: 800 € (1º premio), 500 € (2º premio), 300€ (3º premio).

– Grupo adulto: 500 € (1º premio), 300 € (2º premio), 200 € (3º premio).

– Individual adulto: 200 € (1º premio), 100 € (2º premio), 50 € (3º premio).

Comments are closed.

Close Search Window