Porto do Son acolleu o acto de entrega de diplomas dos cursos Turismo Mariñeiro e Pescaturismo, financiados pola Consellería do Mar a través do GALP Costa Sostible.
Durante o acto, púxose en valor as oportunidades que ofrece a actividade turística vencellada á actividade marítima no ámbito da economía azul.
Na cita participou tamén o alcalde de Porto do Son, Luís Oujo, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángelez V. Suárez, e outras autoridades.
Suárez destacou “a importancia de que sexan realizadas este tipo de accións formativas para capacitar aos profesionais e facilitar a posta en marcha de novos proxectos nos que a cultura marítima constitúe un atractivo de alto valor”.
Nestas accións formativas, enmarcadas no Plan de Animación do GALP Costa Sostible para o 2025, participaron 19 armadores da Confraría de Pescadores de Porto do Son e 11 redeiras, tres da Asociación de Redeiras do Cerco de Portosín, e oito da Asociación de Redeiras Virxe do Carme de Porto do Son
Un labor que tamén axudou a xerminar o proxecto Azul de Portosín de Turismo Mariñeiro, promovido pola Confraría de Pescadores San Andrés de Portosín e o Concello, que pretende converter o porto de Portosín nun referente no turismo de embarques e a economía azul.




