Medio Ambiente e cambio climático|

A Xunta de Galicia aposta pola integración paisaxística das terrazas cunha guía de boas prácticas que achega solucións e recomendacións de deseño co obxectivo de fortalecer os valores das nosas contornas e aproveitar de forma sostible os recursos de lecer que nos ofrece.
Tal e como subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante o acto de presentación da Guía para a integración de terrazas na contorna e nos espazos públicos, que tivo lugar en Portosín, no concello de Porto do Son, esta publicación pretende servir de axuda ás administracións municipais e ao sector hostaleiro de cara a buscar unha certa homoxeneidade destes espazos de lecer e a súa concordancia coa contorna.
Nesa liña, a devandita guía, que tamén está dispoñible en formato dixital, avalíanse tanto os criterios de distribución das terrazas nos distintos espazos como en relación ás peculiaridades dos diferentes tipos de lugares públicos que existen. Segundo salientou a conselleira, “os criterios deben adaptarse ás contornas nas que se localizan as terrazas porque non implica o mesmo que estean nun centro histórico, na beira do mar ou nun espazo natural”.
Así, a guía presentada hoxe inclúe cuestións como o deseño do mobiliario; a súa utilización como soporte publicitario; a incorporación de elementos de división ou protección fronte ao vento ou a chuvia, ou a inclusión de plataformas, tarimas ou peches.
Máis polo miúdo, Ángeles Vázquez, que estivo acompañada do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, fixo fincapé que se propón que, na elección de mobiliario, se teña en conta a pegada ecolóxica dos materiais utilizados para a súa fabricación. Deste xeito, recoméndase optar polo uso de materiais de orixe natural – madeira procedente de bosques xestionados de forma sostible- ou reciclados -plásticos ou metais reciclados-.
A maiores, a conselleira puxo en valor “o bo facer e compromiso” do sector hostaleiro coa integración na paisaxe e na contorna. De feito, co obxectivo de que a guía presentada hoxe fose o máis participada posible, ademais de abrir un trámite de consulta pública, celebrouse unha rolda de reunións e de consultas tanto con representantes do sector como das grandes empresas distribuídas da nosa Comunidade. “Todas as achegas e suxestións recibidas permitiron enriquecer o contido desta guía e facilitarán a súa implementación posterior”, concluíu Ángeles Vázquez.
Pola súa banda, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, puxo en valor esta iniciativa para reforzar “a calidade que define xa ao destino galego e no que levamos tempo traballando”. Neste sentido, sinalou que o modelo turístico de Galicia ten consolidada a súa a posta pola excelencia do destino e así tamén se reflexará na Estratatexia de Turismo de Galicia 2030 na que o Goberno galego está a traballar.

Toda a información en:
www.xunta.gal

Comments are closed.

Close Search Window