O vindeiro 11 de outubro celebrarase en Porto do Son unha nova xornada do Programa de Voluntariado Interxeracional “Rede Galega de Oficios Vivos”, unha iniciativa gratuíta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia destinada á recuperación e transmisión dos oficios tradicionais, poñendo en valor o seu potencial como oportunidade de emprego e autoemprego.
As xornadas están dirixidas principalmente a persoas maiores de 55 anos e a mozas e mozos de entre 16 e 35 anos, aínda que tamén poderán participar persoas de ata 54 anos. Cada xornada contará cun máximo de 16 persoas voluntarias organizadas en parellas.
Xornada de traballo en coiro con JATAFARTA en Porto do Son
A actividade terá lugar o domingo, 11 de outubro, na Aula 10 Usos Múltiples (Centro Cultural), situada na Rúa Campo Atalaia, 40-56, 15970 Porto do Son, A Coruña, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas.
A xornada estará centrada no traballo artesanal en coiro, da man do proxecto JATAFARTA, achegando ás persoas voluntarias ao seu percorrido, ás técnicas e materiais empregados e á organización dun encontro especializado neste oficio.
Durante a primeira parte da xornada realizarase unha presentación do proxecto JATAFARTA, na que se abordará a súa orixe, evolución e principais liñas de traballo actuais. A través da proxección de imaxes e da mostra de pezas orixinais, explicaranse o proceso de creación, as técnicas empregadas, os materiais utilizados e os diferentes recursos que forman parte do proceso artesanal.
Tamén se realizará unha introdución ao traballo en coiro, presentando as máquinas, ferramentas e útiles básicos empregados neste oficio. Esta explicación combinarase con pequenas demostracións prácticas sobre o material, co obxectivo de familiarizar ás persoas voluntarias co seu manexo.
Na última parte da xornada desenvolverase unha actividade práctica en coiro, que se adaptará ás características e ao número de persoas voluntarias.
A práctica poderá formularse como un exercicio colectivo ou individual e terá como finalidade que as persoas voluntarias poñan en práctica os coñecementos adquiridos ao longo da sesión, experimentando directamente cos materiais e empregando as ferramentas fundamentais propias do traballo artesanal en coiro.
Esta experiencia permitirá achegarse de maneira práctica a un oficio artesanal, coñecendo de primeira man os materiais, ferramentas e procesos vinculados ao traballo en coiro e favorecendo a adquisición de coñecementos a través da experimentación directa, contribuindo así á transmisión interxeracional dos saberes vinculados aos oficios tradicionais.
Inscricións
A participación é gratuíta, pero as prazas son limitadas.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na seguinte ligazón: https://voluntariadogalego.org/plans-e-programas/plan/programa-de-voluntariado-interxeracional-rede-galega-de-oficios-vivos


