O Concello de Porto do Son vén de dar por rematadas as obras de saneamento e depuración da zona sueste da Atalaia. A actuación, que conta cun investimento total de 59.395,88 euros, está financiada con cargo ao POS da Deputación da Coruña.
Os traballos, que dan solución á problemática existente nunha parte das vivendas e edificacións desta zona, concretamente nas rúas Campo a Través, Sotavento e Paseo do Brañón, incluíron a execución dun novo sistema de depuración composto por arqueta de desbaste, fosa-filtro e un pozo de toma de mostras.
A zona dotouse tamén dun novo sistema de saneamento coa execución dun colector principal que, partindo do pozo existente situado na esquina sueste da rúa Campo a Través, conecta coa nova depuradora. A este sumóuselle un ramal secundario que permite dar servizo a dúas vivendas situadas no Paseo de Brañón.
A actuación concluíu coa reposición dos pavimentos que resultaran afectados polas obras.


