Obras|

O Concello de Porto do Son rematou recentemente as obras de saneamento e abastecemento no núcleo da Mótega. A actuación, que ten un investimento total de 169.400 euros, conta co financiamento de 165.523 euros a cargo do POS+2024 da Deputación da Coruña, tendo unha aportación de  3.576 euros de fondos propios municipais. 

Os traballos contemplaron tamén a ampliación da rede de abastecemento existente no lugar da Silva, instalando unha tubaxe nunha gabia compartida coa condución de saneamento, para poder dotar de servizo de auga potable ao lugar da Mótega. 

Con esta actuación dotouse ao saneamento da Mótega dun novo colector, conectando á rede existente no lugar de Freixedo, evitando así a execución de bombeos que dificultaban e encarecían a explotación e mantemento do sistema de recollida de augas fluviais. Tras a obra, executouse tamén a reposición dos servizos e pavimentos na zona. 

A intervención de abastecemento consistiu na instalación dunha nova tubaxe, en gabia compartida, para dotar deste servizo ás vivendas que carecían do mesmo. A nova tubaxe conectouse á distribución xeral, que actualmente conecta os depósitos da Silva e Portosín. A nova condución de 793 m de lonxitude total está formada por unha tubaxe de polietileno de alta densidade.

Tras a actuación, o alcalde, Luis Oujo, indicou “trátase dunha obra que da resposta ás demandas veciñais e que permite rexenerar as condicións dun servizo imprescindible, como é o do saneamento. A nosa intención é continuar renovando este servizo, co firme obxectivo de seguir mellorando as condicións de vida da nosa veciñanza e reducindo ademais o impacto medioambiental”.

Comments are closed.

Close Search Window