O Concello volverá descubrir ás persoas visitantes a riqueza histórica e patrimonial do Castro de Baroña a través dun programa estival de visitas guiadas gratuítas. A iniciativa, que se desenvolve cada verán cunha elevada participación, dará comezo o 4 de xullo e prolongarase durante todos os sábados, agás o do 29 de agosto.
As visitas partirán ás 11.30 horas desde a Oficina de Turismo do Castro de Baroña e non será preciso realizar inscrición previa. As persoas interesadas en obter máis información poderán chamar ao teléfono 881 87 82 28.
Durante o percorrido, as persoas participantes coñecerán de primeira man a historia deste emblemático enclave, considerado o xacemento arqueolóxico da Idade de Ferro máis importante de Galicia. A visita permitirá descubrir as súas características arquitectónicas, a forma de vida dos seus antigos habitantes e a importancia histórica e patrimonial do castro.


