O Obradoiro de Emprego entra nunha das etapas máis ilusionantes da súa andaina. Tras varias semanas de intensa formación, o alumnado afronta xa os últimos preparativos antes de iniciar o traballo en obra.
Nestes días concluíu a formación en Prevención de Riscos Laborais, tanto na súa parte común como na específica de cada especialidade, un requisito imprescindible para desenvolver o traballo con todas as garantías de seguridade.
Queremos facer unha mención especial a Ángel Luis Rodríguez Seoane, de Gerosalud, pola súa profesionalidade, adicación e compromiso coa formación do noso alumnado. Tamén quedaron rematados o módulo de igualdade e os primeiros módulos das especialidades de carpintería e forestal, nos que o grupo demostrou unha excelente implicación e unha evolución moi positiva.Un dos momentos máis esperados chegou coa entrega da roupa de traballo e dos equipos de protección individual (EPI´s).
Máis que un simple equipamento, representan o paso da formación inicial ao comezo da actividade práctica, onde o aprendido na aula comezará a transformarse en experiencia real. A ilusión nótase en cada xesto porque a conta atrás xa está en marcha. En poucos días o alumnado dará o salto á obra, iniciando unha nova etapa na que seguirá medrando profesional e persoalmente.
Cada ferramenta, cada aprendizaxe e cada reto superado achégaos un pouco máis ao seu principal obxectivo: adquirir unha cualificación de calidade que lles abra novas oportunidades de emprego.

