O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado polos membros do equipo de goberno, participou no acto de presentación da nova directiva da Asociación de Xubilados.
O presidente da entidade, Antonio Juncosa, e o secretario, Fernando Rovelo, deron a coñecer aos socios e socias o equipo que liderará esta nova etapa, marcada polo impulso á participación e á actividade social das persoas maiores do municipio.
Durante o acto, o rexedor destacou o papel “fundamental” que desenvolven desde a Asociación, que “contribúe de maneira moi notoria a mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas máis maiores. Desde o Concello sempre estaremos ao voso carón, impulsando o benestar e a cohesión social no municipio”.
Na entidade contan cunha completa programación de actividades na que se inclúen clases de baile en liña, ximnasia, roldas de xogos e baile con música en directo todos os sábados, ofrecendo alternativas de lecer saudables e espazos de encontro para a veciñanza xubilada.








