Os alcaldes de Porto do Son, Luis Oujo, e de Ribeira, Luis Antonio Pérez, acompañaron esta mañá á delegada da Xunta, Belén do Campo, e ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, na súa visita ao Obradoiro de emprego Tahume X. A iniciativa está centrada en actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e en traballos de carpintería e moble.
Durante a visita, a delegada destacou que na edición deste obradoiro en 24-25, xunto coa edición deste mesmo taller o ano pasado 23-24, a Xunta investiu case un millón de euros.
Entre as actuacións que realizarán os alumnos nas prácticas destes cursos en Porto do Son están as melloras das masas arbóreas en Miñortos, nos lugares de Trapa e Coira en Goiáns; nos lugares de Arnela e de Castro en Baroña; no lugar de Xan Pasal en Queiruga; no lugar da Madalena en Ribasieira; e no lugar de Ponte Medieval en Xuño. Ademais, realizarán o mantemento das pasarelas de madeina na praia de Coira, en Portosín; a reparación do peche da madeira do parque infantil da Casa da Cultura de Caamaño e a instalación dun peche no parque infantil de Nebra.
Belén do Campo destacou que “os obradoiros de emprego permiten dotar a nosa poboación activa de formación de calidade ao tempo que desenvolven un traballo produtivo de utilidade pública ou interese social, coa posibilidade de acreditalo a través dos certificados de profesionalidade”.
A Xunta de Galicia encárgase de financiar a formación profesional para o emprego (medios, materiais, contratación de persoal…), así como os custos salariais derivados dos contratos de traballo subscritos co alumnado.
O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, agradeceu o apoio á Xunta de Galicia e animou aos participantes a aproveitar ao máximo esta formación.






