Durante a mañá de hoxe, 21 de febreiro, o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo acompañado da tenente de alcalde, María José Maroñas Sóñora, a concelleira de Cultura e Festexos, Alicia Martínez Maneiro e do concelleiro de Deportes, Xuventude e Ludoteca, Carlos Lorenzo Blanco, recibiron ás redeiras da Fedaración Galega de Redeiras Artesás ‘O Peirao’, así como tamén a integrantes da Asociación Itsas Emakume Langileen Federazioa da Comunidade Autónoma Vasca, que están de visita municipio sonense como mostra de alianza das dúas asociacións.
Tras o recibimento e en sinal de agradecemento, as redeiras vascas agasallaron ao rexedor cunha figura artesanal. Oujo agradeceu “este fermoso xesto” e quixo “reivindicar, visibilizar e recoñecer o importante traballo que realizan estas mulleres no mundo do mar, un labor moitas veces pouco visible, pero fundamental que é sustento de moitas familias”.
A xornada continuou coa saída a pé cara o peirao sonense, onde as redeiras foron recibidas polo patrón maior da Confraría San Telmo de Porto do Son, Emilio Queiruga Santamaría e visitaron a nave das redeiras Virxe do Carme.
En Portosín, recibiunas o patrón maior da Confraría San Andrés, Isaac Gaciño Santos, e tamén puideron achegarse a visitar a nave das redeiras de Portosín.
Na xornada vespertina o plan incluiú unha visita cultural ao Museo Marea de Porto do Son, onde as redeiras puideron coñecer polo miúdo a historia da vila sonense, rematando coa visita ao Castro de Baroña.
Intercambio de experiencias na Cidade da Cultura de Santiago
Como parte desta xornada de confraternización, as dúas asociación de redeiras, participarán mañá, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, nunha xornada de intercambio de experiencias e análise do futuro da profesión. A esta xornada tamén asisitirán integrantes da Asociación de Rederas de Bajura de Cantabria (AREBACA).
Tamén, acudirán o alcalde de Porto do Son, Luis Oujo xunto concelleira de Persoal, Magdalena Pérez, como mostra de apoio e de respaldo ao sector.
“Con xornadas coma esta poñemos en valor o traballo destas mulleres redeiras, que realizan unha labor centenaria e que forman parte da nosa identidade e dun sector estratéxico e fundamental en Galicia”, destacou Oujo






