Mar|

O alcalde, Luis Oujo, recibiu na confraría de Porto do Son á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, na súa visita onde avaliou as actuacións realizadas nas instalacións portuarias nos últimos cinco anos co apoio da Xunta. Estes investimentos superan os 1,5 millóns de euros, e enmárcanse nas axudas postas a disposición deste sector a través do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

Oujo agradeceu “o apoio e o compromiso constante da Xunta para levar a cabo este tipo de actuacións que melloran o sector pesqueiro e as condicións laborais dos profesionais”.

Pola súa banda, V. Suárez puxo en valor o esforzo inversor da Consellería que dirixe Marta Villaverde, que permitiu a modernización das infraestruturas e a mellora dos servizos que se prestan no pósito, así como dotar ao sector de equipamentos máis eficientes e seguros.

Entre os investimentos executados figuran obras de canalización e tendido da derivación eléctrica, xunto coa incorporación de distintos contedores isotermos, a mellora da iluminación mediante tecnoloxía LED e a renovación dos sistemas de carga e descarga tanto da pesca artesanal como da frota do cerco. Completan as actuacións a adquisición de equipamento auxiliar como hidrolimpadoras e grúas, destinadas a optimizar as tarefas diarias de manipulación e limpeza nas instalacións portuarias, a instalación de equipos frigoríficos e de clasificación e exposición ou as obras de mellora para evitar as filtracións. 

A directora xeral subliñou que estes investimentos contribúen a reforzar a competitividade do sector pesqueiro local e a mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar, ao tempo que reafirmou o compromiso da Xunta co desenvolvemento e modernización das infraestruturas pesqueiras. Durante o encontro tamén se abordaron as necesidades actuais da confraría e os retos de futuro do sector.

Comments are closed.

Close Search Window