O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, acompañado por membros do goberno local, recibiron á delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na visita ao IES Porto do Son para comprobar o avance das obras de mellora no pavillón deportivo do centro, que conta cun investimento de 267.000 euros a cargo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Este centro contará este ano con ao redor de 400 alumnos e participa activamente en numerosos programas educativos como Club de Ciencia, Clubs de Lectura, Navega con Rumbo, PLAMBE ou Plan Proxecta.
Durante a visita, o rexedor agradeceu “a sempre predisposición da Xunta para levar a cabo este tipo de proxectos que son tan importantes para o noso municipio e, nesta ocasión, poder renovar esta infraestrutura educativa e ofrecer espazos máis seguros, funcionais, modernos, inclusivos e sostibles para todo o alumnado e persoal docente”.
Pola súa banda, a representante do Goberno galego destacou que esta actuación supón unha importante mellora das instalacións deportivas, incrementando a súa seguridade, funcionalidade e confort para o alumnado e o conxunto da comunidade educativa.
As obras inclúen a execución dun novo peche perimetral da pista deportiva, que cubrirá todos os laterais do pavillón cunha altura de 3,75 metros. O peche conta cunha base de paneis prefabricados de formigón e unha parte superior de chapa ondulada microperforada de aluminio, un sistema que permite garantir a entrada de luz natural, a ventilación do espazo e a protección fronte á choiva lateral.
O proxecto contempla tamén a mellora da cuberta mediante a instalación de novos canlóns e baixantes para facilitar a correcta evacuación das augas pluviais, así como a substitución da cuberta de fibrocemento dos vestiarios por un panel sándwich, mellorando así o illamento e a durabilidade da instalación. Ademais, habilitarase un novo almacén de máis de 23 metros cadrados no interior do pavillón, na zona das gradas, optimizando os espazos dispoñibles para o almacenamento do material deportivo. Outro dos aspectos destacados da intervención é a reforma da instalación eléctrica e a dotación dunha nova instalación de protección contra incendios, da que carecía ata o de agora o pavillón.
A representante do Goberno autonómico destacou ademais que no Concello do Porto do Son se están levando a cabo actuacións ademais dentro do Plan Ben_Estar de pequenas obras intervencións no CEIP do Portosín, CEIP DE Sobrado-Nebra, CEIP Santa Irene e CEIP de Xuño, intervencións de melloras que suman ao redor de 100.000 euros.







