O alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, recibiu hoxe á conselleira do Mar, Marta Villaverde, e ao presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, na súa visita á lonxa do municipio onde asistiron á poxa dixital que se realiza nesta rula a través do sistema de Lonxas Galegas 4.0 impulsado polo seu departamento.
Oujo agradeceu a visita “e a sempre disposición da Xunta e de Portos de Galicia para abordar este tipo de melloras nas instalacións portuarias, tan relevantes par ao noso municipio”.
Pola súa banda, Villaverde puxo en valor o dispositivo electrónico para a primeira venda de produtos pesqueiros e agradeceu a colaboración da confraría e o Concello para impulsar medidas que permitan innovar na comercialización dos produtos do mar.
A conselleira enmarcou a visita dentro da rolda de encontros institucionais que o seu departamento mantén de xeito recorrente cos representantes do sector para coñecer, de primeira man, as súas propostas e necesidades. Neste sentido, reseñou a “escoita activa” da Consellería e a boa disposición de Xunta, Concello e confraría para “facilitar a cogobernanza das instalacións portuarias”.
Durante a súa visita, Villaverde reuniuse tamén co patrón maior da confraría de Porto do Son, Emilio Queiruga, e o presidente da Federación provincial de Confrarías da Coruña, Daniel Formoso, para afondar nas propostas de mellora para esta dársena. Entre os temas tratados, ambas partes destacaron a proposta de posta en marcha dunha aula de formación para impulsar a remuda xeneracional no sector marítimo pesqueiro.
Finalmente, a conselleira do Mar visitou a nave de redeiras para comprobar tamén as súas posibilidades de mellora a nivel da propia infraestrutura e dos equipamentos. A este respecto lembrou as axudas dispoñibles para estes fins desde a Consellería, tanto a través do plan de equipamentos pesqueiros como dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).





