Medio Ambiente e cambio climático|

O alcalde, Luis Oujo, participou hoxe no acto de entrega das Bandeiras Verdes 2025, un distintivo que recoñece o compromiso dos municipios polo coidado da paisaxe e do medio ambiente. O evento contou coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez.

No caso concreto de Porto do Son, este é o sexto ano consecutivo que recibe o galardón e que, de feito, é o único municipio de toda Galicia que mantén este distintivo de forma ininterrompida desde a primeira edición.

A Bandeira Verde de Galicia, creada pola Xunta en 2020, consolidouse como un distintivo pioneiro a nivel estatal. Galicia foi a primeira comunidade autónoma en contar cun selo propio que distingue o esforzo local pola paisaxe, a eficiencia enerxética, a educación ambiental e a xestión responsable dos recursos. Nesta sexta edición acádase unha cifra récord, con 33 concellos recoñecidos, case un 40% máis que o ano pasado. 

A Coruña é a provincia con máis concellos galardoados nesta edición (15 en total), mentres que Lugo, Ourense e Pontevedra contan con seis localidades recoñecidas cada unha. Para o xefe do Executivo autonómico, esta distribución amosa que a Bandeira Verde é unha ferramenta que impulsa a cohesión territorial, xa que permite que municipios de interior e do rural teñan as mesmas oportunidades de visibilidade que os costeiros. 

Durante o acto, Rueda avanzou que en 2026 a Xunta creará a Rede de Concellos Bandeira Verde de Galicia, unha estrutura de cooperación que permitirá compartir boas prácticas, desenvolver proxectos conxuntos e ofrecer apoio técnico e económico aos municipios adheridos. A Rede contará tamén cun foro anual de expertos e cunha páxina web de referencia, co obxectivo de reforzar o posicionamento de Galicia en Europa como territorio comprometido coa paisaxe e a sostibilidade. 

O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa na nova Estratexia Galega da Paisaxe Horizonte 2030, que o Instituto de Estudos do Territorio, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, está a elaborar e que marcará as políticas públicas dos vindeiros anos. A estratexia integrará a protección da paisaxe en ámbitos como a ordenación do territorio, a mobilidade, o turismo e a educación, co propósito de facer da paisaxe un eixo transversal do desenvolvemento sostible e da identidade galega.

Comments are closed.

Close Search Window