Educación|

A delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde Porto do Son, Luis Oujo e polo Director Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Indalecio Cabana, visitaron o IES Porto do Son.

Na visita comprobaron a satisfacción dos alumnos do ciclo que se imparte neste centro como é o Grao Medio en Guía no Medio Natural e de Tempo Libre (TEGU) que ten unha duración de 2.000 horas lectivas con 14 módulos profesionais . A representante do Goberno autonómico destacou que a formación tan completa deste ciclo abre a posibilidade de traballar e facer prácticas no Parque Nacional en Sálvora, e nos Parques Naturais da provincia de Corrubedo e Fragas do Eume. Os representantes do centro educativo tamén lle trasladaron a súa proposta de contar cun ciclo superior.

As principais motivacións profesionais dos que cursan esta formación son exercer como profesionais de actividades de lecer e tempo libre. Algunhas das actividades máis relacionadas con TEGU son traballar en empresas do sector turístico e realizar labores de guía en actividades de sendeirismo, roteiros de baixa e media montaña, travesías, roteiros con neve, barrancos, espeleología, bicicleta e turismo ecuestre. Tamén poden exercer como socorristas en diferentes ámbitos.

A representante do Goberno galego insistiu na necesidade de seguir ampliando a oferta académica, mellorando a dotación dos centros e activando programas que se axusten ás novas necesidades do tecido produtivo como é o caso do ciclo formativo deste Instituto un dos que ten máis demanda.

A representante do Goberno autonómico puxo tamén este centro como un exemplo a seguir no seu traballo no eido da atención á diversidade e da inclusión con actividades ao longo de todo o ano.

Na visita, Belén do Campo comprobou tamén a necesidade de levar a cabo a reforma do pavillón exterior deteriorado, este ano, polas inclemencias meteorolóxicas.

Máis información

Comments are closed.

Close Search Window