Porto do Son é unha terra humanizada desde moi antigo, como evidencian numerosos túmulos funerarios (mámoas), a mítica cova do Fonforrón e un extraordinario conxunto de arte rupestre (petróglifos).

A cultura castrexa ten o seu máximo expoñente no castro costeiro de Baroña, icona do municipio, habitado antes e durante o período romano. Tamén desta última época data unha fermosa lápida de mármore conservada na igrexa de Queiruga e desaparecidos mosaicos atopados en Portosín, núcleo litoral que talvez se fundase entón.

Na Idade Media nace a rede parroquial sonense, cuxos templos gardan algúns vestixios artísticos daquel tempo, cuando se edifica a ponte sobre o río Sieira. Superada a crise baixomedieval (pestes, tensións sociais…), a partir sobre todo o século XVII a poboación crece, grazas en boa medida á expansión do millo, base dun sistema de rendas agrarias que sostén ao clero rural, cuxo poder simbolízase nas súas reitorais e nos seus pombais, e á fidalguía, con solar destacado no pazo de Nebra. O triunfo deste novo cultivo explica a proliferación de hórreos e de muíños, obra de canteiros locais de merecida fama.

A principios do século XIX, as dez parroquias sonenses deixan de pertencer á antiga xurisdición da vila de Noia, conformando concello propio con capital en Porto do Son. Esta pequena localidade costeira desenvolverase grazas sobre todo á pesca, destacando por capturas de pescada, badexo e sardiña. A abundancia desta última motivará o establecemento de moitas fábricas de salgadura, tanto aquí como en Portosín. O declive destas industrias pola competencia das empresas conserveiras na primeiro terzo da pasado centuria coincidiu co éxodo masivo a América, e especialmente á área riopratense.

Esta emigración, e a particular de mariñeiros a Trintxerpe, Cádiz e Huelva, como principais destinos, serán intensas ata os inicios da Guerra Civil e terán unha segunda fase a partir da década de 1950. O progresivo retroceso das actividades primarias, sobre todo da labranza, acelerouse nos últimos tempos. Hoxe Porto do Son vive en gran medida do sector servizos, apostando por potenciar o seu rico patrimonio cultural e natural como elemento identitario e valor turístico.

Accesos destacados

Close Search Window