A etimoloxía de Porto do Son é motivo de controversia. Indubidablemente o termo porto, alude a un antigo enclave portuario que é probable se trate do Ebora Portus do que falaron os romanos.
Moitas máis dúbidas ofrece a orixe do vocábulo Son que deriva de formas antigas como Doçon ou Dozón, documentadas abundantemente en manuscritos dos séculos XV ao XVII, e en cartografía desa época. Uns considérano alusivo ao monte Dordo dos arredores, outros a un con, pedra que xorde do mar á entrada deste porto, mentres que non faltan os que vinculan este nome co son que a forza de temporais xurdía na cova do Fonforrón.
En expresivas e esaxeradas palabras do cura de Noal, José González Alonso, alá por 1799, “….cuyo bramido que forma el ayre en dicha caverna quando siente el vendaval se oye de tres y más leguas…”